O Mago Charlangas invítanos a viaxar a través do tempo co seu espectáculo Atemporal, onde a maxia e o teatro mestúranse creando unha historia na que navegaremos pola nosa imaxinación.
Coñeceremos a un científico tolo e os seus incríbles experimentos para adentrarnos nunha viaxe co Pirata Barbanegra na busca de máxicos tesouros.
Un número de ilusionismo co que gozaremos de xogos con cartas, bolas, moedas, billetes e máis sorpresas que nos farán pasar unha leda xornada chea de maxia.
Os Nortis son uns personaxes que viven na dimensión da creatividade e, a través dos libros, axúdannos a alimentar a nosa imaxinación.
Viaxaremos canda eles entre libros de cartón dos que xorden despregables, mecanismos móviles e xogos de contraluz con imaxes.
O fantástico carro dos soños
Os “Gaito Kamishibaiya” (contadores de contos xaponeses) adoitaban utilizar nos seus desprazamentos unha bicicleta co seu “Kamishibai”. Nesta obra deseñamos o noso propio utilizando como base o típico carro dos afiadores galegos.
As narracións de “O fantástico carro dos soños” están apoiadas en revisións sobre o Kamishibai, o teatro de obxetos, o teatro francés de papel e os despregables pop-up configurando un mundo máxico para o espectador.
Durante a narración poderemos contar con acompañamento musical en directo: zanfona, gaita, percusión...
Contos, risas e rock and roll
O que a priori parece unha fantástica e divertida velada de contos tradicionais pode converterse, se ninguén o remedia, nunha auténtica traxedia; menos mal que entre o público, un escandaloso e animado rockeiro sae voluntario para que o espectáculo poida continuar.
O que sucede a continuación, mellor nin imaxinalo, iso si, todo mesturado cun pouco de “Contos, Risas e Rock and Roll”.
As historias viaxeiras do Kamishibai
Fomentando valores e concienciación medioambental, cooperación, igualdade, creatividade e interese pola lectura este teatro de papel interpretará contos e lendas de todos os continentes.